Xábrega organiza un concerto do grupo Trío Vivo

A Asociación Cultural Xábrega de Ares organiza un concerto do grupo Trío Vivo para celebrar o inicio do curso académico na Escola de Música desta asociación e para presentar aos profesores que impartirán as clases este ano. O concerto será este sábado 27 de setembro ás 19:30 horas nas Alianzas Aresás.


O grupo Trío Vivo está formado por Mariola Gil Lago –clarinete- e Sebastián Magdalena –trompeta-, ambos profesores da Escola de Música de Xábrega, ademais do pianista José Manuel Yáñez.


A Escola de Música da Asociación Cultural Xábrega de Ares iniciou esta semana o curso 2008-2009 coa posibilidade de estudar novos instrumentos. Por primeira vez hai clases de saxo para adultos. Para nenos maiores de 9 anos a oferta amplíase a frauta travesa e trombón, e continúan as clases de clarinete, trompeta e percusión, ademais da materia de Linguaxe Musical, que xa se impartiron o curso pasado.


Por outra banda, os nenos de entre 4 e 8 anos poderán asistir a clases de Música e Movemento, que comezarán no mes de outubro. Todas estas ensinanzas musicais son impartidas por profesores titulados de recoñecida experiencia. As clases teñen lugar os sábados pola mañá na Casa da Parroquia de Ares.


Os interesados en inscribirse na Escola de Música de Xábrega aínda poden formalizar a matrícula, tan só teñen que poñerse en contacto coa directiva da Asociación a través do e-mail Este enderezo de correo-e está a ser protexido de robots spamers, precisas activar o JavaScript para velo ou chamando ao teléfono 616- 38 84 71.


Para inscribirse é necesario ser socio de Xábrega, o que implica o pago dunha cota anual de 36 €. En canto ás cotas mensuais, as clases de Música e Movemento custan 15 € e as de Linguaxe Musical e instrumento 25 €.